A mexilla
Mexilla é o nome co que se coñece a semente de mexillón entre os mexilloeiros.
A mexilla (semente de mexillón de entre 15 e 25 milímetros de tamaño) necesaria para o cultivo obtense das rochas da costa ou de cordas colectoras que se colgan nas bateas entre os meses de marzo e outubro, e que se manteñen mergulladas durante a tempada de reprodución do mexillón, permitindo a fixación neles das larvas. As sementes de recollida temperá están dispoñibles a partir de xullo para a súa manipulación. A semente de rocha, aínda que depende do ano, comeza a recollerse e a colocarse nas cordas de cultivo a partir de novembro.
As necesidades de mexilla estímase nunhas 7.000 toneladas (Tm) anuais, para obter unha colleita anual de 250.000 Tm de mexillón. Na maioría das bateas úsase exclusivamente semente das rochas (66%). No resto de bateas, a semente de rocha alterna con semente de colector, e só unha parte dos produtores utiliza exclusivamente este último tipo de semente pola súa escaseza.
O sector da acuicultura de mexillón en Galicia é un sector de gran relevancia socioeconómica, que produce unha media anual de 250.000 toneladas de mexillón ao ano, o que converte a Galicia no principal produtor europeo de mexillón e fai que alterne entre a segunda e terceira posición da produción mundial. Este cultivo baséase na recollida de xuvenís (semente ou mexilla) do medio natural, principalmente extraíndoos do intermareal rochoso. A extracción de semente de mexillón dos bancos naturais está regulada pola Orde do 26 de outubro de 2000 (DOG no 228, do 24 de novembro), pola que se limita o seu aproveitamento á subministración do cultivo, así como se establecen períodos (do 1 de decembro ao 31 de abril) e cantidades máximas a extraer (3500 kg por balsa), estando restrinxida a súa extracción só no Parque Nacional Illas Atlánticas ata 2021.